Fai unhas semanas resolvín unha (vergoñeira) falta: fun quen de ver a clásica "Once Upon a Time in The West" de Sergio Leone. E bastante impresionado debín quedar, para me poñer a escribir sobre ela logo deste tempo. Será que chegou "a súa hora", tal coma dicían no título que lle puxeron en España: "Hasta que llegó su hora" (en aquela época os distribuidores eran moi imaxinativos, pero neste caso non lle puxeron mal nome).
Curioso persoeiro este Leone, home de obra tan reducida coma escasos son os diálogos nas súas películas (para maior gloria de Moriccone: ¿que outro director lle houbera permitido tal protagonismo da música ambiental se non fose polas longuísimas tomas de Leone). En "Hasta que llegó su hora", parece que dispuxo por fin cartos e tempo para levar o seu estilo ata un límite case manireista. Porque, hai de todo: travellings a eito, panorámicas eternas (cun aceno a Jonh Houston cas tomas no "Monument Valley"), primeiros planos longuísimos,... Ás veces, un pouco esaxeradas.
Tal vez a película pareza de estilo moi forzado, por ter unha historia nada orixinal (historia na que - meu deus - meteron man Dario Argento e Bertoluchi). Pero a un western lle presta estes argumentos previsibles. E cando se ten o arte de Sergio Leone non importa saber dende o principio o destino do malvado (talmente coma nunha traxedia grega).
En resumo, unha película cunha posta de escena impresionante... cun moi bo facer. Toda unha homenaxe ó xénero western.

Charly Bronson a toda pantaia
E ó escoller unha ilustración teño que aproveitar e facer unha pequena homenaxe a Charles Bronson. Cun saudo especial a uns amigos meus berlineses. Estes, ata montaran un clube de fans para Bronson (tiñan impresas camisetas - ben chulas - e todo). Eu por contra, cando era pequeno, coñecía a Bronson da serie de películas "Deadwish", e tiña moi pouca simpatía polo actor. (Tiñalle a mesma estima ca a Chuck Norris que tamén facía películas polo estilo alá polos anos 80).